CCOO del Hábitat | 19 octubre 2026.

RenÓbrate forma e emprega na construción

    Alejandra Gesto apoia en Santiago un programa con 20 contratos de formación

    30/09/2026.
    RenÓbrate forma e emprega na construción

    RenÓbrate forma e emprega na construción

    O programa RenÓbrate celebrou onte o seu acto de presentación en Santiago de Compostela. A iniciativa, impulsada pola Fundación Laboral da Construción de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia e o Concello de Santiago, combina formación e emprego para facilitar a incorporación de novas persoas ao sector da construción.

    O programa permitirá que 20 persoas participen durante nove meses nun contrato de formación en alternancia. Deste xeito, as persoas participantes combinarán a formación teórica e práctica coa realización de actuacións de mellora de espazos públicos.

    Durante o acto, Alejandra Gesto Montes, secretaria xeral de CCOO do Hábitat de Galicia e vicepresidenta da Fundación Laboral da Construción de Galicia, quixo trasladar todo o seu ánimo ás persoas participantes. Ademais, destacou que elas son as verdadeiras artífices de que este proxecto funcione.

    Alejandra puxo especialmente en valor a oportunidade que supón que persoas inmigrantes procedentes de diferentes países e persoas galegas poidan acceder á formación e cualificación profesional nun sector que necesita incorporar novas persoas traballadoras.

    A falta de man de obra é un dos grandes retos aos que se enfronta actualmente a construción. Por iso, desde CCOO do Hábitat de Galicia considérase fundamental apostar pola formación, a cualificación e a creación de emprego estable e de calidade. O obxectivo é facer do sector unha opción profesional atractiva, especialmente para a xente nova e para as mulleres.

    O acto contou tamén coa participación do conselleiro de Emprego, José González, e de Diego Vázquez Reino, presidente da Fundación Laboral da Construción de Galicia.

    Desde CCOO do Hábitat de Galicia póñense en valor as iniciativas como RenÓbrate, porque formar no sector da construción, é tamén construír futuro.