CCOO del Hábitat | 28 abril 2024.

CCOO visitará 350 obras en toda Galicia ante a «semana negra» rexistrada no sector da construción

    A Federación do Hábitat vai solicitar unha reunión coa Inspección de Traballo para analizar a situación.

    04/03/2024.
    CCOO visitará 350 obras en toda Galicia

    CCOO visitará 350 obras en toda Galicia

    A Federación do Hábitat de CCOO de Galicia lamenta a «semana negra» no sector da construción en Galicia, con dous falecementos recentes por caídas en altura: un no municipio coruñés de Carballo e outro en Pontevedra. A estes súmase un terceiro falecido recente, un operario dunha obra atropelado na Laracha. O sindicato vai solicitar unha reunión coa Inspección de Traballo para analizar a situación, pois «cómpre adoptar medidas efectivas».

    CCOO agarda que se investiguen «a fondo» estes sinistros mortais, non só pondo o foco nas empresas afectadas, senón tamén nas contratas, pois debe existir unha coordinación canto ás accións de prevención de riscos laborais. A secretaria xeral de CCOO-Hábitat, Alejandra Gesto, coida «inadmisible» que un traballador ou traballadora «perda a vida no seu posto de traballo».

    Campaña de visitas ás obras

    Segundo a sindicalista, «España ten un grave problema coa sinistralidade na construción», con trinta falecidos en catro meses, case un terzo no mes de decembro.

    Ademais da reunión coa Inspección, CCOO vai iniciar unha campaña de visitas ás obras. «Faremos unhas 350», apunta o sindicato. Deste total, aproximadamente un cento serán na provincia da Coruña e outras tantas na de Pontevedra, e sobre 70 nas de Lugo e Ourense.