CCOO del Hábitat | 28 abril 2024.

Protestas da Limpeza en Ourense

    CCOO do Hábitat de Galicia reclama un convenio digno para o sector

    19/06/2023.
    Protestas da Limpeza en Ourense

    Protestas da Limpeza en Ourense

    CCOO do Hábitat de Galicia, CIG e UXT reclamaron, na mañá deste venres 16 de xuño diante das oficinas de Eulen, un convenio digno para o sector da limpeza, que é probablemente o máis precarizado en Ourense, ademais de estar feminizado e ter un gran número de contratos parciais.

    Antonio Pérez Jácome, alertou de que o salario bruto anual dunha limpadora é de 14133,7€ anuais, o SMI son 15120€, polo que estamos por baixo 986,3€ en cómputo anual.

    Estamos #ante o sector que máis empregadas ten a tempo parcial, con xornadas que non chegan a unha hora diaria e traballadoras con ata 4 empresas diferentes para facer unha xornada que non supera o 80% do total.

    En moitas ocasións trátase de licitacións públicas que non cumpren os pregos. Incumprimentos á conta de non suplir xubilacións, baixas de compañeiras e vacacións e un longo etcétera que redunda nas cargas de traballo e á súa vez sobre a saúde, xa que se aumentaron a limites inasumibles os cocientes de limpeza de todas as administracións, o cal redunda tamén nun peor servizo para o cidadán.

    O grave é que os contribuíntes pagan cada vez máis polo servizo, polo que reclamamos ás administracións, ao sector público, que vixíe que se cumpran con todas as condicións ao 100%, xa que as empresas cobran ao 100%.

    “Os beneficios das empresa están a aumentar, estanse lucrando co noso traballo e cos impostos das ourensás e os ourensáns.

    A proposta sindical é que polo menos cumpran o SMI, e o que nos ofrece a patronal é unha vixencia de tres anos con subida do 1,5% para cada ano e en 2022 quitar o plus de transporte e crear un novo plus convenio de 540 € anuais, con estas subidas non se chega ao SMI.

    O que se pretende é poder asinar en 2022 co SMI e os restantes anos asinar tal como asinouse en Madrid tanto pola parte social como pola parte empresarial, unha modernización do convenio, dar un salto de calidade nas condicións laborables.

    “É moi triste ver que puxemos en risco as nosas vidas e as dos nosos familiares durante a pandemia, vindo limpar con moito orgullo do noso traballo, porque sabiamos que grazas ás nosas mans, e arriscándonos en primerísima liña, salvaríanse moitas vidas. Facendo que funcionen os hospitais, centros de saúde, fábricas de alimentación, portais de comunidades, oficinas tanto públicas como privadas e un longo #etc….., e así nolo pagan as nosas empresas, denigrando cada vez máis nosas condicións, a pesar de ser un sector esencial”.

    Por todo iso hoxe pediuse tanto á patronal ourensá como á estatal, e á súa vez por corresponsabilidade ao goberno e concellos, que nos escoiten e senten a negociar un convenio digno para este sector, “porque se non temos dignidade, teremos conflitividade”.