CCOO del Hábitat | 27 abril 2024.

A Limpeza de Lugo concéntrase para reivindicar a dignificación dos seus soldos e condicións laborais

    Se continúan as trabas da patronal para asinar o convenio, CCOO do Hábitat de Galicia convocará folga no sector

    17/05/2023.
    A Limpeza de Lugo concéntrase para reivindicar a dignificación dos seus soldos e condicións laborais

    A Limpeza de Lugo concéntrase para reivindicar a dignificación dos seus soldos e condicións laborais

    Este martes, diante da sede da Patronal, centenares de persoas traballadoras da Limpeza de Lugo, arroupados por CCOO do Hábitat de Galicia, UXT e CIG, concentráronse para reivindicar a dignificación de soldos e condicións laborais do sector.

    A pesar de levar varias reunións para tentar achegar posturas que concluísen na firma dun convenio digno, o pasado 21 de abril, a patronal presentou unha oferta económica consistente nun incremento das retribucións do 12% a repartir nos catro anos de vixencia do convenio (2022 a 2025), pero sen xerar atrasos e sen contemplar unha cláusula de revisión que permita garantir o mantemento do poder adquisitivo.

    Unha proposta totalmente inaceptable e moi por baixo do Acordo de Negociación Colectiva Estatal entre CCOO, UXT, CEOE e CEPYME, onde se establecen incrementos de ata un 13% para un período de tres anos comprendido entre o 2023-2025.

    A proposta trasladada pola parte social (antes de aprobarse o último incremento do SMI e coñecer como quedaría o IPC de 2022), contemplaba aumentos do 6,5% para 2022, do 4,5% para 2023 e do 5,5% para 2024, e cunha cláusula de revisión salarial anual conforme ao IPC real.

    A pesar de ser considerada unha actividade esencial durante a pandemia, as táboas salariais do convenio quedaron por baixo do SMI e a patronal pretende, nesta negociación, perpetuar esta precariedade.

    Desde CCOO do Hábitat de Galicia facemos un chamamento á cordura dunha Patronal que a día de hoxe non está a mostrar ningunha sensibilidade nin xustiza co sector, e ao mesmo tempo tamén advirte que, de manterse no inmobilismo, a convocatoria de folga no sector non será unha opción, senón un feito consumado no caso de que na reunión de negociación convocada para o vindeiro xoves, 18 de maio, non se produzan avances significativos en materia económica.