CCOO del Hábitat | 12 agosto 2026.

CCOO do Hábitat de Galicia reafirma o seu compromiso coa seguridade e a dignidade das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar na memoria de Teresa

    No primeiro aniversario do seu asasinato, o sindicato reivindica a aplicación efectiva do protocolo fronte á violencia laboral e esixe que ningunha traballadora volva desempeñar o seu labor con medo.

    29/07/2026.
    CCOO do Hábitat de Galicia reafirma o seu compromiso coa seguridade e a dignidade das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar na memoria de Teresa

    CCOO do Hábitat de Galicia reafirma o seu compromiso coa seguridade e a dignidade das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar na memoria de Teresa

    CCOO do Hábitat de Galicia rende hoxe homenaxe a Teresa, traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) asasinada no Porriño, e renova o seu compromiso coa defensa dunhas condicións de traballo seguras e dignas para todas as auxiliares do sector.

    O recordo de Teresa segue moi presente entre quen loita cada día polos dereitos das traballadoras que coidan dunha das partes máis vulnerables da nosa sociedade. O seu asasinato marcou un antes e un despois e puxo de manifesto a necesidade urxente de reforzar as medidas de prevención e protección fronte á violencia laboral externa.

    Tras esta traxedia e grazas á mobilización e á loita constante do sector, CCOO do Hábitat de Galicia participou activamente na elaboración e sinatura do Protocolo de prevención e actuación fronte á violencia laboral externa no Servizo de Axuda no Fogar. Este instrumento supón un avance histórico para garantir a prevención, a protección e unha resposta eficaz ante calquera situación de violencia.

    CCOO do Hábitat de Galicia insiste en que este protocolo debe aplicarse con todas as garantías e dotarse dos recursos necesarios para que o seu cumprimento sexa unha realidade efectiva en todos os servizos. A seguridade das traballadoras non pode depender da vontade de cada administración ou empresa, senón converterse nun dereito plenamente garantido.

    A federación renova o seu compromiso máis firme coa defensa das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar e continuará vixiante para esixir o cumprimento de todas as medidas de protección. «Traballar coidando das demais persoas nunca pode significar traballar con medo» e «Teresa sempre será un sinónimo de loita», afirman as compañeiras do Comité de Empresa.

    CCOO do Hábitat de Galicia lembra que a dignidade laboral e a seguridade son condicións irrenunciables para quen sostén un servizo esencial para a sociedade e reitera a súa esixencia de que se adopten todas as garantías necesarias para que un horror como o ocorrido con Teresa non volva repetirse nunca máis.

    Por Teresa. Por todas. Seguridade e dignidade para o Servizo de Axuda no Fogar.