CCOO del Hábitat | 12 agosto 2026.

CCOO do Hábitat de Galicia asina o protocolo de violencia externa do Servizo de Axuda no Fogar

    Alejandra Gesto asistiu en representación de CCOO á sinatura do acordo, que supón un fito na protección das traballadoras do sector

    14/07/2026.
    CCOO do Hábitat de Galicia asina o protocolo de violencia externa do Servizo de Axuda no Fogar

    CCOO do Hábitat de Galicia asina o protocolo de violencia externa do Servizo de Axuda no Fogar

    CCOO do Hábitat de Galicia valora moi positivamente a sinatura do Protocolo de Actuación fronte á Violencia Externa no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un acordo histórico que busca reforzar a prevención, a protección e a resposta ante as situacións de violencia que poden sufrir as profesionais durante o desempeño do seu traballo.

    A sinatura tivo lugar hoxe na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e contou coa participación das organizacións sindicais CCOO, CIG, CSIF e UGT; das asociacións empresariais galega e estatal do sector; do Colexio Oficial de Traballo Social; do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) e da propia FEGAMP.

    Alejandra Gesto, secretaria xeral de CCOO do Hábitat de Galicia, asinou o protocolo, que constitúe un primeiro paso para dotar o sector de ferramentas comúns de prevención e actuación fronte á violencia externa, ao tempo que incorpora o compromiso de impulsar modificacións normativas tanto na Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia como no convenio colectivo do sector.

    Porén, CCOO do Hábitat de Galicia lamenta profundamente que a Consellería de Política Social decidise non subscribir este acordo, desmarcándose dun consenso acadado tras un ano de intenso traballo entre as organizacións sindicais, empresariais e as institucións implicadas.

    Para o sindicato, resulta especialmente preocupante esta ausencia cando está próximo o aniversario do asasinato de Teresa, traballadora do Servizo de Axuda no Fogar do Porriño, un feito que puxo de manifesto a necesidade urxente de establecer medidas específicas para garantir a seguridade das persoas traballadoras do sector.

    CCOO do Hábitat de Galicia considera que a decisión da Xunta de Galicia supón dar as costas tanto ás traballadoras do SAF como ao esforzo colectivo realizado para sacar adiante un protocolo amplamente consensuado. O sindicato reitera o seu compromiso de seguir traballando para que este documento se desenvolva plenamente e para que as administracións asuman a súa responsabilidade na protección de quen presta un servizo esencial para a cidadanía.