CCOO del Hábitat | 12 agosto 2026.

CCOO do Hábitat de Galicia chama á prudencia nas estradas: "Hai traballadores que se xogan a vida para garantir a seguridade das persoas usuarias das vías"

    O sindicato advirte do risco diario que asume o persoal de conservación viaria, especialmente en tramos en obras, actuacións de mantemento e quendas nocturnos

    01/07/2026.
    CCOO do Hábitat de Galicia chama á prudencia nas estradas: "Hai traballadores que se xogan a vida para garantir a seguridade das persoas usuarias das vías"

    CCOO do Hábitat de Galicia chama á prudencia nas estradas: "Hai traballadores que se xogan a vida para garantir a seguridade das persoas usuarias das vías"

    Coincidindo coa época de vacacións e traslados masivos, de festas, lecer e desfrute, CCOO do Hábitat de Galicia fai un chamamento á responsabilidade e á prudencia de todas as persoas condutoras nas estradas, autoestradas e vías en conservación, especialmente nos tramos afectados por obras, labores de mantemento ou actuacións nocturnas.

    Este chamamento prodúcese despois do incidente sufrido recentemente por un traballador do Centro de Conservación de Estradas da UTE PO-02 na vía A-57, durante a quenda de noite, cando un vehículo circulou a gran velocidade pola zona de traballo, poñendo en risco a súa integridade física. Posteriormente, o condutor encarouse de xeito violento co traballador despois de ser advertido do perigo da súa conduta.

    Desde CCOO do Hábitat de Galicia queremos trasladar todo o noso apoio ao compañeiro afectado e expresar nosa máis firme condena ante calquera comportamento temerario ou agresivo contra o persoal que traballa nas estradas. Non estamos ante unha simple incidencia: estamos ante unha realidade que se repite con demasiada frecuencia e que pon en risco vidas humanas.

    O persoal de conservación de estradas realiza un servizo público esencial. A súa función permite manter as vías en condicións adecuadas, atender incidencias, reparar danos, sinalizar perigos, actuar en emerxencias e garantir a seguridade viaria da cidadanía. Son traballadoras e traballadores que, moitas veces de noite, con baixa visibilidade e en condicións complexas, expóñense diariamente a situacións de perigo.

    CCOO do Hábitat de Galicia lembra que detrás de cada cono, cada sinal, cada vehículo de conservación e cada tramo en obras hai persoas traballando. Persoas con dereito a desenvolver o seu labor con certeza e a regresar ás súas casas ao finalizar a xornada. Por iso, o sindicato reclama máxima prudencia á cidadanía: reducir a velocidade, respectar a sinalización, manter a distancia de seguridade, extremar a atención nos tramos en obras ou mantemento e evitar calquera conduta que poida poñer en risco ao persoal da estrada.

    Así mesmo, CCOO do Hábitat de Galicia esixe ás empresas concesionarias e ás administracións competentes que reforcen as medidas de prevención e protección do persoal de conservación viaria, especialmente nas intervencións nocturnas e nos puntos de maior risco. É imprescindible mellorar a sinalización, a iluminación, a coordinación cos servizos de emerxencia e os protocolos de seguridade para evitar novos incidentes.

    A seguridade viaria non pode construírse poñendo en perigo a vida de quen traballa para garantila. O respecto ao persoal de conservación é tamén respecto á seguridade de todas e todos.

    Nas estradas hai persoas traballando. Prudencia, respecto e responsabilidade. A súa vida tamén depende de nós.

    A Seguridade non se vai de vacacións.