CCOO del Hábitat | 12 agosto 2026.

O comité de PreZero Xardíns de Santiago avisa de que haberá mobilizacións se a empresa mantén o bloqueo do convenio

    Acusa á dirección de mala fe por negarse a asinar un acordo que xa fora ratificado polo persoal

    21/05/2026.
    O comité de PreZero Xardíns de Santiago avisa de que haberá mobilizacións se a empresa mantén o bloqueo do convenio

    O comité de PreZero Xardíns de Santiago avisa de que haberá mobilizacións se a empresa mantén o bloqueo do convenio

    O comité de empresa de PreZero Xardíns de Santiago (CCOO do Hábitat de Galicia, CIG e STL) acusou este mércores á dirección da concesionaria do servizo de xardinería da capital galega de mala fe, despois de pretender cambiar no último momento un acordo para a aprobación dun novo convenio colectivo alcanzado coa representación sindical e que xa fora ratificado en asemblea polas persoas traballadoras. Se non cambia de actitude de inmediato, as tres centrais sindicais iniciarán mobilizacións.

    Nunha rolda de prensa a mañá de onte en Santiago, o comité denunciou a actitude da empresa, que se negou a asinar o pacto ao que se chegara e pretendía poñer sobre a mesa un novo convenio rebaixado.

    Tras moitos meses de bloqueo patronal, a Representación Legal das Persoas Traballadoras (RLPT) pactou en abril coa dirección dúas opcións de convenio para someter a votación; a asemblea decantouse por unha delas, pero a empresa, no último momento e cando xa estaba fixada a data da reunión para a firma, botouse atrás co único argumento de que cambiara de opinión. Os sindicatos consideran esta actitude un caso de mala fe que pode ser obxecto de sanción.

    Ante a desconfianza sobre a boa vontade negociadora da empresa, o comité solicitou a semana pasada a intervención do Acordo Interprofesional Galego (AGA). Se neste órgano de arbitraxe, que aínda non convocou a primeira reunión, non se chega a un acordo, as tres centrais sindicais iniciarán mobilizacións, empezando por concentracións e paros parciais, sen descartar a convocatoria dunha folga.

    O Concello de Santiago xa está informado da situación; con todo, a día de hoxe non deu audiencia ao comité, polo que este decidiu solicitar unha reunión co resto de partidos políticos da corporación municipal.

    CCOO do Hábitat de Galicia xa denunciou o pasado mes de febreiro a actitude obstrucionista da empresa na negociación do convenio. Nese sentido, o escenario segue resultando especialmente preocupante tendo en conta que o Concello de Santiago está a elaborar os novos pregos do servizo.

    O bloqueo na negociación pode condenar ao persoal a unha situación de estancamento a medio e longo prazo. De non asinarse un convenio actualizado antes da redacción dos pregos, existe o risco de que o Concello realice un estudo económico irreal sobre os futuros incrementos salariais, o que podería hipotecar as condicións laborais do persoal durante a vixencia do novo contrato.

    Desde Comisións Obreiras consideramos imprescindible que a empresa retome a negociación con vontade real de acordo e que se garantan incrementos salariais acordes ao marco estatal do sector e á realidade económica actual. Así mesmo, instamos o Concello de Santiago a ter en conta a situación real do persoal e a necesidade de garantir condicións laborais dignas na elaboración dos novos pregos do servizo.