CCOO del Hábitat | 29 marzo 2024.

CCOO do Hábitat de Galicia manifestarase en Carnota e Noia en defensa do futuro da planta de reciclaxe de Lousame

    O comité de empresa denuncia recortes no servizo que ameazan o emprego, mentres CCOO estuda cos seus servizos xurídicos as «prácticas antisindicales» da empresa concesionaria (FCC)

    14/06/2022.
    CCOO do Hábitat de Galicia manifestarase en Carnota e Noia en defensa do futuro da planta de reciclaxe de Lousame

    CCOO do Hábitat de Galicia manifestarase en Carnota e Noia en defensa do futuro da planta de reciclaxe de Lousame

    O comité de empresa da planta de recollida e reciclaxe de lixo da Mancomunidade Serra do Barbanza, xestionada por FCC, anunciou hoxe dúas manifestacións esta semana para denunciar a prácticas antisindicales da concesionaria e para esixir a implicación dos concellos para solucionar os problemas que ameazan o seu futuro. As mobilizacións serán o mércores, ás 12:00 horas, en Carnota, e o domingo, ás 12:00 horas, en Noia.

    A planta de Lousame, posiblemente a mellor planta de reciclaxe do estado español, arrastra desde hai anos unha serie de problemas que ameazan o seu futuro, en boa medida pola «nefasta» xestión por parte dos concellos que integran a Mancomunidade. Isto levou o persoal para mobilizarse xa en diversas ocasións no último ano.

    Falta de investimento nas instalacións, medios obsoletos e constantes problemas xudiciais entre a institución supramunicipal e a concesionaria son algúns dos defectos que foron lastrando as prestacións da planta.

    O último capítulo é a pretensión da Mancomunidade de prorrogar o contrato con FCC sen introducir melloras e ademais suprimindo a quenda de noite, o que provocará a perda de numerosos postos de traballo.

    O comité solicitou en reiteradas ocasións a colaboración da Xunta de Galicia, pero a administración autonómica deixou claro que a súa aposta é o modelo de Sogama, a incineración. Tamén se procurou apoio da Deputación da Coruña, cuxo presidente manifestou nunha reunión a comezos de ano a súa coincidencia coas reivindicacións dos representantes do persoal.

    Unha das principais demandas é que se nomee un xerente ou unha xerente da Mancomunidade, pois un dos problemas detectados é a falta de xestión, derivada en boa medida de que a presidencia do organismo é rotatoria —actualmente preside o alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, do PSdeG.

    Tamén houbo unha reunión co propio Saborido, para trasladarlle os acordos a que se chegou co presidente da Deputación. O rexedor carnotán manifestou verbalmente que se traballaría nesa liña, pero finalmente o comité acabou coñecendo extraoficialmente que a proposta será outra, a prórroga con recortes.

    Esta situación súmase ao que CCOO do Hábitat de Galicia cualifica de «prácticas antisindicales» da empresa e que afectan aos distintos sindicatos. No caso de Comisións, pódense poñer como exemplos a sanción «inxustificada» de quince días de suspensión de emprego e soldo contra un delegado deste sindicato, así como a negativa a que outro compañeiro do sindicato forme parte do comité de seguridade e saúde laboral. «Estas prácticas están a ser analizadas polos nosos servizos xurídicos», sinalou Ricardo Santos, secretario de Comunicación de CCOO do Hábitat de Galicia.

    Por todo isto, o comité de empresa, integrado por CCOO do Hábitat de Galicia, CIG e UXT, acordou retomar as mobilizacións esta semana, esixindo que os Concellos se impliquen na procura dunha solución.

    Manifestacións:

    — Mércores, 15 de xuño, ás 12:00 horas (Carnota). Saída da Churrascaría e finaliza diante do Concello.

    — Domingo, 19 de xuño, ás 12:00 horas (Noia). Saída de Alexandre Cadarso e finaliza diante do Concello.